- O obxectivo é favorecer a entrada da luz solar e aumentar a sensación de seguridade para os usuarios
A área de descanso de O Regado, situada na parroquia larachesa de Cabovilaño a carón da estrada AC-552, está a ser obxecto dunha ampla intervención de mantemento e conservación. Os traballos céntranse na poda e rebaixe das tuias que fan de barreira vexetal entre a zona de descanso e a estrada comarcal. O triplo obxectivo da actuación é acondicionar as propias árbores, favorecer a entrada da luz solar e ofrecer unha maior sensación de seguridade para os seus usuarios.
A intervención principal está a ser executada, a instancias do Concello, pola empresa concesionaria do servizo de mantemento de zonas verdes, contando, ademais, coa cooperación das cuadrillas medioambientais municipais para a retirada, transporte e eliminación da materia vexetal.