Iniciados os traballos de reparación da cuberta da lonxa de Sada

1 minutes read

Portos de Galicia, vén de iniciar as obras de reposición da cuberta da lonxa vella do peirao de Sada, que na actualidade se utiliza como nave de redes. Así o trasladou a presidenta do ente público, Susana Lenguas, nunha visita á zona.

Trátase dunha actuación de mellora das condicións do sector profesional de Sada na que Portos de Galicia inviste máis de 40.000 euros e que pon ademais en valor o edificio que conta con protección patrimonial. Os traballos comezaron a semana pasada e contan cun prazo de execución de catro meses.

As obras consisten na reposición da cuberta que afecta á nave sur da lonxa, formada por dúas naves comunicadas por un corredor interior. Esta zona presenta filtracións de auga, humidades e acumulación de vexetación, entre outras deficiencias polo que será substituída. O material a empregar na reposición así como as actuacións complementarias de recollida e baixada de augas pluviais suporán unha mellora substancial da calidade e duración da nova cuberta e conserva o patrimonio portuario.