Iniciados os traballos de roza nos viais municipais de Cerceda

1 minutes read

O Concello de Cerceda deu inicio os traballos incluídos no novo contrato do servizo de xestión da biomasa na rede de viais municipais. Mediante este servizo realizarase a roza dos laterais das estradas e camiños dos que a Administración local é titular.

Ten por obxecto a realización das operacións necesarias para a correcta xestión da biomasa existente nos terreos incluídos na zona de dominio público e, en calquera caso, na plataforma de rodadura e no bordo exterior da vía ou camiño. Este servizo realizarase de maneira mecánica con máquinas desbrozadoras manipuladas con tractores.

O novo servizo tamén inclúe a limpeza manual naquelas zonas dos viais nas que o brazo do tractor non permita a limpeza da marxe da estrada (ao redor de postes, báculos de farois, contedores do lixo, baixo as barreiras de seguridade, obras de drenaxe…).

Durante este mes de decembro e o de xaneiro realizarase unha primeira limpeza a todos os viais municipais co fin de mellorar o seu estado e aspecto para que a veciñanza poida gozar destes espazos en óptimas condicións.