Iniciados os traballos para a mellora e modernización do regadío da Limia


Estes labores consisten na construción de 42 novos pozos de sondaxe de auga nesta bisbarra ourensá. Así o confirmou o conselleiro do Medio Rural, José González, na reunión da Mesa do regadío da Limia, na que participaron responsables das administracións autonómica e central, así como diferentes técnicos encargados de supervisar os traballos.

Os labores iniciáronse co acopio do material necesario e a disposición da maquinaria para a perforación, unha vez recibida, por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a correspondente concesión para a comunidade de regantes Lamas Ganade, que xunto coas de San Salvador de Sabucedo, Corno do Monte e Alta Limia serán as beneficiarias desta actuación. Na reunión de hoxe avanzouse, ademais, nos trámites para agrupar estas catro entidades, tal e como solicita a Confederación Hidrográfica, para contar cun único interlocutor á hora de desenvolver as diferentes actuacións. Esta agrupación estaría liderada pola comunidade de Lamas Ganade, ao ser a que acumula máis caudal e pozos. Estas actuacións enmárcanse -lembrou González- no investimento de arredor de 36 millóns de euros que destinará a Xunta e o Estado á bisbarra, uns fondos que foron conseguidos grazas ás xestións levadas a cabo por parte do Goberno galego, tal como destacou o conselleiro.