Iniciados os trámites urbanísticos para ampliar o fogar residencial e centro de día da Laracha

Centro de día y hogar residencial de A Laracha_Cedida

  • No fogar residencial están cubertas as 18 prazas e no centro de día hai asignadas 17 das 25,5 ofertadas

Na Xunta de Goberno Local da Laracha aprobarase, con carácter inicial, a modificación do estudo de detalle da parcela que alberga o centro de día e o fogar residencial municipais.

O obxecto deste trámite é a adecuación de certos parámetros urbanísticos (como a tipoloxía ou a ocupación máxima en planta sobre rasante) ás determinacións do Plan Xeral de Ordenación Municipal para adaptar o proxecto da parcela e así, nun futuro, poder ampliar a infraestrutura. A modificación non suporá alteracións no destino urbanístico do solo e tampouco implica a redución de superficies destinadas a infraestruturas viarias, espazos libres ou dotacións.

O documento estará un mes en exposición pública antes de ser aprobado definitivamente.

O fogar residencial ten cubertas todas as prazas
Actualmente o fogar residencial da Laracha ten cubertas as dezaoito prazas ofertadas para persoas maiores dependentes que precisan unha atención integral e continua. No centro de día o número de prazas é de 25,5 e hai 17 cubertas.

Ambas institucións forman parte da rede de centros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, polo que son xestionados pola Xunta de Galicia.