Iniciativa de limpeza de lixo mariño en Baldaio | 228 quilos en dous días

Cedida.

A Asociación de Mariscadores Fonte de Santa Helena participa por primeira vez nun programa financiado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) para a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños a través da recollida do lixo mariño acumulado nas zonas de produción. A iniciativa arrincou en outubro coas dúas primeiras xornadas de limpeza, e este martes comezou a segunda quenda.

Ademais dos oito profesionais que integran a Asociación de Mariscadores Fonte de Santa Helena e da bióloga adscrita á zona, na iniciativa participa unha técnica do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar). Dende o Concello de Carballo colaboran facilitando os colectores e realizando a posterior xestión do lixo recollido. En só dous días retiráronse do espazo natural de Baldaio un total de 228 quilos de residuos, na súa maioría cordas, redes e plásticos.

Estes labores son beneficiosos para a explotación, xa que reducen a presenza de posibles contaminantes que poidan prexudicar ás especies que se crían na zona, nestes momentos berberecho e ameixa fina e xapónica. Pero dende a Asociación de Mariscadores Fonte de Santa Helena tamén se pretende realizar un labor de sensibilización social. Deste xeito, tras a experiencia acumulada nas limpezas realizadas entre outubro e novembro (a última este mércores), a iniciativa retomarase nos meses de xaneiro e febreiro con novas xornadas de recollida de lixo abertas a toda a cidadanía.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha