Iniciativa do BNG da Laracha en apoio da sanidade pública

Unha das moitas concentracións no Centro de Saúde de Carballo en demanda de melloras sanitarias.

O BNG da Laracha, a través do Portavoz do Grupo Municipal, Xoán Manoel Sande Muñiz, levará unha moción ao próximo Pleno da Corporación, en apoio ás demandas da plataforma SOS Sanidade Pública para a mellora duns servizos sanitarios que según afirman “se veñen deteriorando desde a chegada de Núñez Feijóo á presidencia da Xunta (especialmente nos últimos anos).

Desde o BNG queremos facer asímesmo un chamamento á veciñanza a apoiar as mobilizacións convocadas por esta plataforma e a manifestación que terá lugar o 9 de febreiro en Compostela. Defendamos uns servizos sanitarios que están en risco antes de que sexa demasiado tarde. Todas as persoas que somos usuarias/os da sanidade pública temos padecido as consecuencias dos recortes, especialmente na Atencicón Primaria onde a precariedade nos Centros de Saúde é realmente alarmante”.

Concretamente na Costa da Morte, o BNG cita como preocupante a reducción de consultas no Centro de Especialidades de Carballo, o abandono dos Centros de Atención Primaria, a ocultación e manipulación das listas de espera, a precarización e explotación do persoal, recorte de camas hospitalarias, privatización e externalización de servizos esenciais, derivacións de doentes a centros privados e a desatención clamorosa da saúde mental e das mulleres. O BNG afirma que estas políticas levan a sanidade pública a un punto de difícil retorno se non as paramos entre todas e todos.

A nivel autonómico, citan o levantamento da poboación de Verín contra o peche da sala de partos do seu hospital e as protestas de nais e pais contra a falta de pediatras en toda Galiza son algunhas das manifestacións do malestar cidadán fronte a esta crise sanitaria.

Por estes motivos, o grupo municipal do BNG da Laracha solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes ACORDOS:

PRIMEIRO. Apoiar a manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública para o vindeiro 9 de febreiro en Compostela.

SEGUNDO. Instar a Consellería de Sanidade da Xunta de Galiza a:

  • O cese da política de desmantelamento e peche de servizos nos hospitais da nosa área.
  • Revisar os concertos cos hospitais e clínicas privadas e eliminar aqueles que non sexan necesarios, tal como dispón a Lei Xeral de Sanidade.
  • Reducir as listas de espera e tempos de demora das consultas de atención hospitalaria, probas diagnósticas, cirurxía e procedementos terapéuticos. Publicar as listas de espera ocultas e acabar coa súa manipulación.
  • Paliar a carencia de recursos públicos sociosanitarios da área sanitaria, actualmente moi insuficientes, dadas as características de idade da nosa poboación.
  • Rematar coa política de privatizacións de recursos e de derivar pacientes ás clínicas privadas de xeito innecesario.
  • Rematar coa política de persoal dos servizos de saúde baseada na precariedade e na explotación laboral.
  • Implementar un Plan de Mellora da Atención Primaria, da Saúde Mental e de Atención á Saúde das Mulleres.

TERCEIRO. Demandar ao Goberno galego a adecuación dos orzamentos da Consellaría de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde ás necesidades reais do nosos Centros de Saúde e dotalos do persoal necesario para garantir una atención accesíbel e de calidade.