O deputado do BNG pola Costa da Morte e Bergantiños, Oscar Insua, vén de presentar varias iniciativas parlamentarias nas que solicita á Xunta que dea resposta á demanda da comunidade educativa do IES Agra de Raíces, de Cee, de incorporar de maneira inmediata o profesorado suficiente para cubrir as demandas de todo o alumnado con necesidades especiais. Así mesmo, pide que se restitúa no CEIP de Brens e na EEI de Pereiriña o especialista de audición e linguaxe itinerante (AL afín PT).
O BNG sinalou que, ante a negativa do goberno galego a atender as reclamacións realizadas desde o instituto ceense, algúns proxenitores tiveron que acudir á xustiza ordinaria para reclamar máis atención educativa para os seus fillos e fillas, por consideralo un dereito recoñecido en varias normativas legais, comezando pola Constitución española.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, a petición dos demandantes, resolveu o establecemento de medidas cautelares no procedemento especial para a protección dos dereitos fundamentais das persoas, polo que a Consellería debe restablecer o mesmo apoio do profesorado especialista de audición e linguaxe que o alumnado tivo no curso anterior.
“A Xunta, lonxe de cumprir o mandato xudicial nun primeiro momento contratando unha AL a media xornada, acabou desmantelando outros centros de ensino no propio municipio de Cee, como o CEIP de Brens ou a EEI de Pereiriña, onde lles eliminou o AL (afín PT) itinerante”, denunciou a formación nacionalista. Oscar Insua, cualificando este feitos, afirmou que “a chapuza de Educación na comarca este curso penso que é insuperable.”
Desde o BNG lembraron que o IES Agra de Raíces elevou un informe ao principio de curso á inspección educativa e á Consellería no que expoñía a situación de insuficiencia de medios docentes para atender aos alumnos e alumnas con necesidades especiais, sen obter resposta positiva por parte de Educación.
Insua manifestou “hai que ser ben miserable para facer chegar a este punto aos pais e nais do alumnado con necesidades especiais. Dende o BNG instamos á Consellería a que non só cumpra de maneira íntegra as medidas cautelares no IES Agra de Raíces, sen menoscabar os recursos doutros centros, senón a que dote de todos os recursos necesarios aos colexios da comarca con profesorado suficiente para atender ao alumnado NEAE e NEE”.