O conxunto dos hospitais do Servizo Galego de Saúde acolleron esta pasada fin de semana dúas xornadas extraordinarias de vacinación fronte á gripe nas que se inmunizaron un total de 6.558 persoas.
Co obxectivo de reforzar a campaña de vacinación que se está a desenvolver nos centros de saúde galegos, a Consellería de Sanidade citou por sms a todas aquelas persoas con idades comprendidas entre os 60 e os 69 anos que aínda non foran chamadas a vacinarse fronte á gripe.
Desagregado por centros hospitalarios, o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña vacinou a un total de 140 persoas; o Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol a 552; o Hospital Universitario Lucus Augusti a 802; o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense a 723; o Hospital Clínico de Santiago de Compostela 924; o Hospital Provincial de Pontevedra a 633; no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo a 1.556; no Hospital de Barbanza a 367; no Hospital Público da Mariña a 168; no Hospital de Monforte de Lemos a 108; no Hospital do Barco de Valdeorras a 170; no Hospital Público de Verín a 200; no Hospital do Salnés a 135; e no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee a 80.
Nestes intres, un total de 700.337 persoas xa foron vacinadas da gripe en Galicia. Ademais, no que atinxe ás persoas maiores de 60 anos, o 56,8 % xa foron vacinadas.
A Consellería de Sanidade, a través da Dirección xeral de Saúde Pública, convida a toda a poboación a vacinarse fronte á gripe ante a irrupción precoz da súa onda epidémica, que nestes intres se atopa en nivel baixo e con tendencia crecente.