Inoportuna enquisa na Costa da Morte

web.elviajerofeliz.com

Unha enquisa sobre o feísmo, recentemente publicada por un coñecido xornal, levantou bochas na Costa da Morte. Dita enquisa, votada polos internautas, establece unha clasificación de localidades, colocando a Malpica á cabeza das máis esnaquizadas polo urbanismo salvaxe, a apatía política no control e o escaso interese polo decorado público. Séguenlle na lista, Carballo, Cee, Caión e Fisterra. As reaccións ante a inoportunidade da enquisa non se fixeron esperar. O señor Walter Pardo, alcalde de Malpica, saíu en defensa da vila e os seus cidadáns. O sentimento de ofensa e ataque asolagou todas as capas da sociedade da localidade, suscitando non poucas reaccións de estupor e insatisfacción ante o que consideran un atropelo aos intereses malpicáns.

Non se pon en dúbida que o que se diga sexa certo e que haxa que actuar na súa corrección, critícase o momento e inoportunidade do tema. O rexedor municipal sinalaba que enquisas desta índole pechan as portas ao turismo, o cal é unha fonte de ingresos importantísima. Ao mesmo tempo apuntaba os moitos encantos e atractivos da vila: gastronomía única (peixe salvaxe, marisco, etc), paisaxes dunha beleza descomunal, belas artes (medalla no 2008), etc Por se isto fose pouco, presenta tamén unha notable riqueza patrimonial.

Trátase dun pobo con historia, que xa aparece documentado no século XIII como lugar pertencente ao Señorío do Arcebispado de Santiago. Conta con lugares como Torres de Mens, a igrexa románica de Santiago de Mens (século XII), Ermida de San Adrián, Dolmen Pedra da Arca, A Casa do Pescador (que contén murais de Lugrís). Sen esquecernos do porto, a lonxa, os seus pescadores de cana que nos rescatan a nostalxia na memoria, tarrafas e motoras chegando a porto “ cheas de peixe”, a posibilidade de ver in situ a práctica de oficios tradicionais coas “ redeiras” cosendo as redes rotas no fondo do mar, a cerámica de Buño.

Tantos e tan variados atractivos que quedan no tinteiro para, en cambio, destacar o negativo, resaltar o feo, vender o que non vende e maximizar o pouco que pode escorrentar aos visitantes. Trátase de pegarse un tiro no pe do turismo e da imaxe, o que non gusta nin en Malpica, nin en Carballo, nin na totalidade da Costa da Morte.

Todos debemos remar na mesma dirección, máxime nos duros tempos de crise sempiterna que nos toca vivir. Medios de comunicación, veciños, institucións, asociacións, etc. Debemos marcar un obxectivo común, sen fisuras, e atraer xente, resaltar o positivo, amén tratar de corrixir o negativo.

Máis explícito mostrábase Walter Pardo á hora de puntualizar a falta de sensibilidade e de sentido por falar dos edificios abandonados. Apuntando solucións ao devandito problema, sempre mirando ao futuro, cunha orde na construción, unha normativa clara e que esta se cumpra estritamente. Ademais, sinalaba a necesidade de traer xente ao pobo, conseguir fixar residencia aínda que esta traballe en cidades máis grandes pero próximas, como A Coruña, pero vivindo en Malpica e “comprando” calidade de vida. Para iso sería de gran axuda quitar a peaxe Carballo-A Coruña. Conectar mellor co sur de Galicia, que sexa máis fácil e menos custoso chegar a Santiago, que a circunvalación a Carballo reflíctase enteira, que haxa unha dobre vía da rotonda de Buño a punta do este, que o polígono industrial sexa máis atractivo para as empresas para así crear máis e mellor emprego.

Unha serie de medidas que si axudarían ao desenvolvemento de Malpica e polo tanto a toda a Costa da Morte. Sen ningunha dúbida a liberdade de prensa é un dereito, pero tamén o é o dereito á crítica, e neste caso, un pobo que se sente ofendido e que non entende como medios locais non reman na mesma dirección que eles, exprésao en boca do seu máximo representante público, o seu alcalde. Quen ademais de facelo con saudable vehemencia, discurso claro e contundencia amable, achega a un diagnóstico das necesidades reais do pobo e cara a onde se deben dirixir as solucións.

Por: ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO