Inscritas máis de 1.700 persoas nas actividades do programa municipal de inverno da Laracha

O luns comezan a desenvolverse as primeiras das trinta e catro actividades dirixidas a todos os públicos que forman o programa municipal cultural e deportivo de inverno 2023-2024.

As cifras de inscritos auguran un novo éxito desta iniciativa municipal que se leva a cabo cada ano por estas datas, xa que en apenas tres semanas desde a apertura do prazo xa hai máis de 1.700 persoas entre as anotadas e as incluídas nas listas de agarda naquelas disciplinas nas que as prazas ofertadas xa está cubertas.

Do mesmo xeito que vén sucedendo en anos precedentes, ximnasia de mantemento é a actividade que presenta un maior número de inscritos cun total de 218. Isto é posible por tratarse dunha actividade dirixida a todos os públicos -apta, tamén, para o colectivo das persoas maiores- e porque o Concello a oferta nas trece parroquias para facilitar a asistencia dos residentes no rural. Xa está cuberto o cupo nas tres quendas da Laracha, Paiosaco, Montemaior, Soandres, Golmar e Coiro, seguindo aberta a inscrición nas demais parroquias.

Outras das propostas para o público adulto que maior interese espertaron e nas que xa están todas as prazas cubertas atópanse pilates (75 participantes), zumba (75) e ioga (50). Aínda hai opción de inscrición en aeróbic, arte floral, bailes latinos, cociña, encaixe de palillos, fotografía dixital, nos diferentes cursos de informática, labores de tecido (só en Caión), macramé, manualidades e pintura ao óleo, memoria e alfabetización (só en Caión e Montemaior), iniciación ao pádel, restauración e tapizaría, teatro e tiro con arco.

No caso das actividades infantís, os rapaces aínda poden anotarse nas tres novidades do programa deste ano: baile moderno (TikTok, comercial, etc.), balonmán e fotografía dixital. Tamén hai prazas en fútbol sala, informática, manualidades e debuxo, pádel, patinaxe, robótica e gaming, teatro, tiro con arco, xadrez e zumba kids. A inscrición só está pechada en voleibol e pequecociña.

A cota de inscrición xeral é de 20 euros por toda a duración da actividade, reducíndose á metade (10 euros) no caso de que a persoa inscrita sexa menor de 18 ou maior de 65 anos. As familias numerosas e aquelas nas que todos os membros se atopen en situación de desemprego desfrutarán dun 50 % (non acumulable) de redución na cota. As inscricións poden formalizarse presencialmente no Concello ou en liña na web https://actividades.alaracha.gal/.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha