Inscritos os primeiros montes no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas

A Consellería do Medio Rural vén de resolver os sete primeiros procedementos de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, referidos a dous montes situados na provincia da Coruña e a outros cinco localizados na de Pontevedra.

En total, estes montes abranguen unha superficie de 257,59 hectáreas. As especies predominantes nas súas masas arbóreas son o carballo (Quercus robur), o castiñeiro (Castanea sativa) e o bidueiro (Betula celtiberica).

En concreto, no que atinxe á provincia da Coruña, quedan inscritas no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas as 66,69 hectáreas que ocupa o monte Raño, de titularidade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Verís, no municipio de Irixoa, así como as 24,86 ha do monte Fraga da Areosa, de titularidade do Concello de Mesía.

Xa na provincia de Pontevedra, inscríbense as 42,92 hectáreas do monte Ventín, de titularidade da CMVMC de Ventín, en Fornelos de Montes; as 40,96 ha do monte Agüeiros, de titularidade da entidade local menor de Arcos da Condesa, en Caldas de Reis; as 38,10 ha do monte Casa das Minas e San Bernabé, da CMVMC de Chamadoira, en Cerdedo-Cotobade; as 25,04 ha do monte Limeres, de titularidade da CMVMC de Limeres, en Cerdedo-Cotobade e, por último, as 19,02 hectáreas do monte Faro Aveloso, de titularidade da CMVMC de Meira, en Moaña.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha