Inspección de Traballo volve sancionar á CRTVG por ‘contratación fraudulenta’

A Inspección de Traballo da Coruña sinala nunha resolución de data 19 de setembro, segundo vén de informar o comité intercentros da CRTVG, que a corporación de medios públicos da Galiza contratou en fraude de lei, baixo a modalidade de contratación artística, un traballador para substituír as vacacións doutro.

A resolución, resultado dunha denuncia presentada polo comité de empresa, considera fraudulento o contrato artístico en cuestión «porque o traballador foi contratado para substituír e facer as funcións propias dun locutor de radio, categoría regulada e definida no convenio colectivo da CRTVG que en ningún caso xustificaría o recurso á modalidade de contratación artística».

Con esta «actuación fraudulenta», a compañía incumpriu o procedemento para a contratación temporal recoñecido nos artigos 26, 27 e 28 do convenio colectivo, que teñen por finalidade respectar os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, ademais de publicidade. Os dous feitos supoñen, cada un, a comisión dunha infracción empresarial en materia de relacións laborais tipificada como grave, o que conleva unha sanción económica de entre 750 e 7500 euros por infracción, segundo o estabelecido pola Lei de Infraccións e Sancións na Orde Social (LISOS). O comité de empresa advirte que desde a Lei de orzamentos de 2017 as actuacións irregulares en materia de contratación dan lugar á exixencia de responsabilidades aos titulares de órganos de dirección.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha