Un total de 55 contedores de vidro instalados nos cinco municipios que servirán de punto de saída ou de chegada da Volta Ciclista a España ao seu paso por Galicia —Santiago, Padrón, Sanxenxo, Mos e Monforte de Lemos— contribuirán a reforzar a sostibilidade dun dos eventos deportivos máis importantes do país.
Así o subliñou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen participou xunto ao alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o director de Márketing de Ecovidrio, Borja Martiarena, na presentación do iglú máis grande do mundo, unha instalación de 8 metros de alto, 50 veces maior que un contedor de vidro normal, que estará localizada ata o vindeiro 5 de setembro no Campus Sur universitario.
Grazas á colaboración entre a Xunta e Ecovidrio, a conselleira explicou que o paso este ano da Volta Ciclista por territorio galego servirá de escaparate para acoller toda unha serie de accións de impacto co obxectivo de fomentar a reciclaxe e incidir na importancia dos “pequenos xestos” sobre o medio ambiente e a saúde. Por iso, confiou no impacto positivo que terán a Volta Ciclista a España e as iniciativas programadas nos municipios galegos polos que pasará de aquí ao día 5 de setembro sobre os hábitos de reciclaxe dos afeccionados a este deporte e da cidadanía en xeral.
