Instalan un punto informativo de Sogama no Campus de Santiago


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da empresa pública Sogama, instalou un punto informativo sobre xestión e tratamento de residuos no Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela (USC) co obxectivo de sensibilizar aos mozos co gallo do Día internacional da reciclaxe, que se celebra mañá martes en todo o mundo.

O lugar escollido para instalar a caseta —atendida por dous monitores e aberta ao público desde as 10,30 ata as 18,30 horas de hoxe— foi un punto intermedio entre a Biblioteca Concepción Arenal e a Facultade de Dereito, unha zona de tránsito para moitos estudantes, polo que desde primeira hora recibiu un bo número de visitas.

O presidente de Sogama, Javier Domínguez, achegouse este mediodía ao punto informativo, onde explicou que o obxectivo da iniciativa é resolver as dúbidas que poidan ter os transeúntes e, particularmente, os universitarios sobre a separación de residuos en orixe e o seu posterior depósito nos diferentes contedores de recollida selectiva. Así mesmo, preténdese recompilar datos sobre o comportamento dos mozos ante a xestión dos residuos urbanos e conciencialos da importancia de poñer en práctica cada día o principio das tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).