A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de rematar a instalación dunha nova pantalla dixital para mellorar a información á cidadanía na calidade do aire, a meteoroloxía e avisos ante posibles fenómenos extremos en Laxe, fronte á Casa do Concello. Está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Operativo Galicia 2014-2020.
A instalación, posta en marcha, deseño da información e mantemento serán competencia da Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, departamento que conta coa colaboración dos concellos seleccionados, para atopar e determinar a localización máis axeitada para a pantalla, así como os permisos para a instalación da mesma.