Instan a Ferroatlántica Sabón e ao Goberno a abordar os prezos da enerxía


O comité de empresa da planta de Ferroatlántica en Sabón – Arteixo e a Xunta instaron este martes á empresa e ao Goberno a abordar os actuais prezos da enerxía, tanto con contratos bilaterais de longa duración como coa modificación do marco normativo actual, para garantir os empregos. O comité de empresa, encabezado polo seu presidente, Armando Platas, mantivo unha reunión co vicepresidente primeiro da Xunta e titular de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde.

«Expresamos a nosa preocupación polo parón industrial, que se produciu debido aos prezos desorbitados da enerxía. En xuño pararon dous fornos, agora pararon outro e dixéronnos que iamos negociar un ERTE», explicou Platas, tras a reunión. Entende que «o Goberno ten moito que facer» en materia enerxética e pon como exemplo a situación de Francia, onde a electricidade é moito máis barata.

Francisco Conde subliñou que «o máis importante nestes momentos é mostrar toda a sensibilidade e todo o apoio ao persoal» e «establecer cal é o camiño para traballar conxuntamente e atopar solucións».