Instan á Xunta a habilitar axudas para paliar os danos dos apagóns eléctricos do último temporal


A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta unha avaliación dos danos provocados polas caídas de subministro eléctrico durante o temporal de decembro. A responsable socialistas reclámalle ao goberno galego que habilite unha liña de axudas “para minimizar as consecuencias dos danos sufridos”.

Rumbo reclamoulle á Xunta que cumpra coas súas obrigas na protección aos usuarios e tutele a calidade do subministro eléctrico, sinaladamente diante do “importante número de temporais” que se están a producir nos últimos anos nos meses de outono e inverno “que están a provocar importantes danos”.

Neste sentido reclamoulle ao goberno galego que estableza medidas “de obrigado cumprimento para as empresas eléctricas” co fin de minimizar o tempo nos cortes do subministro, e que adopte medidas “respecto das empresas eléctricas que tardaron varias horas en restablecer o subministro eléctrico”.

Tamén lle pediu que “se dirixa ás empresas subministradoras de electricidade para que elaboren un informe sobre as causas das demoras no restablecemento do subministro eléctrico cada vez que hai un temporal”.

Begoña Rodríguez Rumbo sinalou en concreto á empresa Naturgy, responsable do subministro eléctrico no noso territorio, e que “se ten beneficiado da explotación dos nosos recursos”. A deputada sinalou a existencia dunha infraestrutura eléctrica “deficiente”, así como dun “mantemento inadecuado”, que provocan cortes eléctricos que no pasado temporal chegaron a superar as 24 horas.