Íntegro acollerá o venres 17 unha xornada de portas abertas do proxecto “Da horta á cociña”

Trátase dunha iniciativa vinculada ao proxecto piloto Talento Interxeracional da Xunta de Galicia no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia, cofinanciado pola Unión Europea, a través dos fondos NextGenerationEU, que aposta pola colaboración entre persoas maiores de 55 anos e mozos e mozas menores de 35, co obxectivo de fomentar a aprendizaxe mutua, reducir o illamento social e ofrecer novas oportunidades de futuro á mocidade do rural.


O vindeiro venres, das 11 ás 13 horas, a sede de Íntegro en Nantón (Cabana de Bergantiños) converterase nun espazo de encontro entre persoas de diferentes idades, fomentando a participación comunitaria, a transmisión de saberes tradicionais e o intercambio de experiencias vitais, combinando actividades de horticultura, cociña e artesanía, co obxectivo de favorecer o envellecemento activo, a inclusión social e a solidariedade entre xeracións. Neste sentido, o presidente de Íntegro Adolfo López Baña destacou que “Da horta á cociña é moito máis que un proxecto; é unha forma de crear comunidade, aprender uns dos outros e construír un futuro máis sostible e inclusivo”.
Durante a xornada de portas abertas, coa que se clausurará esta primeira edición do programa posto en marcha o pasado mes de febreiro, as persoas asistentes poderán participar, previa inscrición, en tres obradoiros prácticos:

  • Obradoiro de sementeiros, onde se aprenderán técnicas básicas de plantación e cultivo sostible.
  • Obradoiro de cociña, centrado no aproveitamento dos produtos da horta e na alimentación saudable.
  • Obradoiro de tecidos (calceta), como espazo de convivencia, creatividade e aprendizaxe compartida.

As persoas interesadas en participar nesta actividade, aberta á participación de toda a veciñanza e totalmente de balde, deben reservar praza chamando aos teléfonos 981 734 985/650 961 649.

Related posts

O PSdeG de Zas homenaxeará a Isabel Suárez Amado, figura clave do movemento asociativo local

A líder opositora de Venezuela María Corina Machado, premio Nobel da Paz

Israel inicia a retirada das súas tropas de Gaza e miles de gazatíes emprenden o seu regreso á zona norte