O pasado 1 de febreiro, a asociación Íntegro celebrou o seu 30º aniversario. E para festexar tres décadas de historia, a entidade puxo en marcha un programa de actividades, no que non faltaron concursos, charlas, encontros, xornadas de portas abertas, etc. Co ano a piques de rematar, a entidade informa de que é hora de poñer o broche de ouro a un 2022 repleto de celebracións cun acto conmemorativo, que estará cargado de simbolismo, emotividade e recoñecementos. Será este sábado 12 de novembro no auditorio municipal de Cabana de Bergantiños.
Entrega de galardóns
Tras a recepción de convidados, aos que se agasallará cun obsequio conmemorativo elaborado polos usuarios/as do centro, a xornada arrincará cun concerto a cargo do alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Carballo (CMUS). De seguido, abrirase a quenda de intervencións e entrega de galardóns aos representantes institucionais, polo seu apoio e colaboración ao longo deste 30 anos, entre os que figuran o alcalde de Cabana, José Muíño; o presidente de Cogami-Cocemfe, Anxo Queiruga; a deputada de Benestar Social e Educación, Ana Lamas, e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, que estará acompañada no acto polo director xeral da área de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Fernando González Abeijón.
No ámbito social, a asociación Íntegro quere recoñecer o gran labor desempeñado polo persoal sanitario e sociosanitario durante a pandemia e, especialmente, pola súa implicación directa coas persoas con diversidade funcional. Nesta categoría, serán galardoadas: María Verdes- enfermeira, socia e membro da entidade desde os seus inicios- en representación de todo o persoal sanitario; Vanesa- asistente persoal e profesional sociosanitaria- en nome dos traballadores/as de atención sociosanitaria, e Carmen Villanueva, unha das primeiras traballadoras de Íntegro, veciña de Nantón e na actualidade voluntaria da asociación. O recoñecemento empresarial recaerá en José Ramón Pombo Imia- de Autocares J.Pombo- por ser un dos colaboradores máis antigos da entidade, que aposta pola inclusión laboral das persoas con discapacidade.
Durante a gala, usuarios e usuarias de Íntegro protagonizarán un recital poético baseado nun poema que eles/as mesmos/as elaboraron. Finalmente, a música do CMUS de Carballo porá o punto e final á gala conmemorativa. A xornada rematará cun ágape que se servirá na Escola de Vela de Cabana.
Por problemas de aforo, a asistencia ao evento só será posible previo convite.