Ademais de reivindicativo, para a Asociación Íntegro o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, ou Día da Diversidade, debe ser festivo. Por iso este ano mestura os ingredientes imprescindibles en calquera celebración _a música e a comida_ para convidar ás familias a unha tarde que, en palabras da concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade, Maica Ures, debe ser “de inclusión, de festa e de diversión”. A cita é o martes 3, coincidindo co día internacional. A partir das 18.00 horas, a Biblioteca Rego da Balsa acollerá o espectáculo de Mamá Cabra “Contos para un mundo mellor”, protagonizado por Gloria Mosquera e Diego Maceiras ao acordeón, e unha merenda saudable elaborada por usuarios e usuarias de Íntegro. O mércores 27 abriuse o prazo para recoller os convites, e esgotáronse nun só día. Este xoves tivo lugar a presentación do programa nun acto no que, ademais de Maica Ures, participaron o presidente da Asociación Íntegro, Adolfo López Baña; a directora do Centro de Recursos de Íntegro, Noelia Barreira, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.