O presidente da entidade, Adolfo López Baña, xunto coa directora Noelia Barreira e outros membros da directiva daban a benvida a familiares, socios/as, veciños/as e autoridades locais da comarca (como os alcaldes de Cabana e Ponteceso) que se achegaron ata o Centro de Recursos para participar nesta xornada de portas abertas e compartir un día de festa, celebración e moitas emocións con motivo do seu 30º aniversario.
O público asistente amosouse, desde o primeiro momento, moi participativo e interesado nas diferentes actividades programadas. As primeiras consistiron na realización de varios obradoiros de temática variada, entre os que non faltaron o de xabóns, chapas e pulseiras, ademais do de reciclaxe de plásticos, que se levou a cabo no taller de Diversiplás para dar a coñecer os diferentes tipos de residuos e o proceso de transformación e valorización deste tipo de lixo. Paralelamente, no exterior das instalacións de Nantón, realizáronse demostracións de produtos de mobilidade activa, a cargo de Tomás Cutrín, de Innova Procare, que lograron captar o interese e a atención de todos os convidados/as, entre os que tamén figuraban os/as integrantes dos grupos de voluntariado xuvenil de Madrid que nos visitaron ao longo do mes. Durante a mañá, foron moitas as persoas que aproveitaron para coñecer polo miúdo as instalacións e realizar un percorrido pola nosa historia a través da mostra fotográfica exposta no centro.
O deporte e a actividade física chegou da man dunha divertidísima e moi movida masterclass de zumba, que combinou á perfección exercicio, música e diversión. A xornada no centro rematou cunha interesante charla sobre afectividade e sexualidade en persoas con diversidade funcional, impartida pola psicóloga e sexóloga Laura Ramírez. A festa continuará ao longo do día no restaurante A Pedra, situado na mesma localidade, para desfrutar dun xantar de confraternidade conmemorativo do 30º aniversario.