Íntegro e Fundación “la Caixa” impulsan un novo proxecto para promover a inclusión a través da creatividade e da tecnoloxía

A asociación Íntegro e a Fundación “la Caixa”, a través da Acción Social da Oficina de CaixaBank de Baio, veñen de asinar un convenio de colaboración para a posta en marcha do proxecto “Promovendo a inclusión a través da creatividade e da tecnoloxía”, unha iniciativa destinada a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual do rural da Costa da Morte. A axuda, cun importe total de 5.000 euros, foi canalizada pola Oficina de CaixaBank en Baio, dirixida por María Martínez Vidal, cuxo compromiso co territorio resulta fundamental para a materialización de accións sociais de impacto.
O proxecto está orientado ás persoas usuarias do Centro Ocupacional da asociación Íntegro, que presentan distintos niveis de autonomía e capacidades. As actividades serán deseñadas e adaptadas de maneira individualizada, garantindo a participación activa e un aprendizaxe significativo para cada participante.
A iniciativa pretende favorecer a adquisición de habilidades técnicas, creativas e laborais mediante talleres centrados en tecnoloxías e procesos de produción personalizada, tales como sublimación en diferentes soportes, personalización con vinilos, gravado en madeira e metacrilato, e impresión 3D. Estes contidos permitirán abrir novos camiños cara á autonomía persoal e a inclusión social, á vez que fomentan o desenvolvemento de competencias profesionais no ámbito creativo e tecnolóxico.
Entre os obxectivos principais do programa destacan o fomento da autonomía persoal e o desenvolvemento de competencias laborais en persoas con discapacidade intelectual; promover o aprendizaxe de ferramentas tecnolóxicas vinculadas a habilidades prácticas e creativas., potenciar a autoestima, a visibilidade social e a integración comunitaria, crear produtos con valor comercial que incrementen a motivación e o sentido de logro, e estimular a creatividade, a responsabilidade e o traballo en equipo.
Dende Íntegro destacan que esta colaboración supón “un impulso esencial para continuar promovendo espazos de formación, innovación e inclusión no rural”, agradecendo expresamente o apoio da Fundación “la Caixa” e o compromiso da oficina de CaixaBank de Baio.
Co desenvolvemento deste proxecto, Íntegro reforza o seu labor no territorio e continúa avanzando nun modelo de inclusión real, baseado en oportunidades, participación e igualdade.

Related posts

Carballo aborda o plan de tráfico establecido na Estratexia de mellora e xestión do espazo público urbano

O BNG lamenta a aldraxe á Costa da Morte cos prazos das obras do primeiro tramo do corredor, que rematarán en 2029

O Concello de Zas prepara un completo programa de actividades polo 25N