Íntegro e Máis Porvir organizan unha xornada formativa arredor da sexualidade e a diversidade funcional sen tabús

A asociación Íntegro, en colaboración con Máis Porvir Xestión Social, organiza por primeira vez a xornada “Sexualidade sen barreiras”, un encontro formativo e divulgativo que se celebrará o sábado 29 de novembro no Fórum Carballo. A actividade, de carácter presencial e dirixida a profesionais, familias, persoas con diversidade funcional e público xeral, pretende ofrecer un espazo seguro para abordar a educación afectivo-sexual, o pracer, o consentimento e os dereitos sexuais desde unha perspectiva inclusiva e respectuosa.

A xornada conta co apoio institucional do Concello de Carballo, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, e representa a primeira convocatoria específica deste tipo promovida pola nosa entidade, coa intención de visibilizar necesidades, compartir boas prácticas e fomentar o debate informado no eido da sexualidade e a diversidade funcional.

Con esta iniciativa, que combina faladoiros e espazos de debate para favorecer a participación activa e o intercambio de coñecementos, non só se pretende normalizar a conversa sobre sexualidade entre persoas con diversidade funcional, profesionais e familias, senón ofrecer tamén ferramentas prácticas para o acompañamento afectivo e sexual, e promover espazos seguros e técnicas de intervención centradas na autonomía, o respecto e o consentimento.

Desde a organización subliñan que tratar a sexualidade como parte integrante do benestar é un paso necesario para garantir o pleno exercicio dos dereitos das persoas con diversidade funcional e avanzar nun modelo social máis inclusivo.

Programa ao completo

9:30–9:45 h — Recepción das persoas inscritas

9:45–10:00 h — Acto inaugural

10:00–10:45 h — Sexo, saúde e pracer: realidades que importan

Poñente: Paula Pombar Pérez

Unha reflexión sobre a importancia de abordar o pracer e a saúde sexual desde a perspectiva das persoas con diversidade funcional, subliñando a necesidade da educación afectivo-sexual e do acceso a recursos especializados.

10:45–11:30 h — Espazos seguros para falar de sexualidade (asoc. Íntegro)
Obradoiro e sesión práctica centrados en impulsar dinámicas, metodoloxías e recursos que permitan crear contextos de confianza, comunicación e acompañamento para falar de sexualidade.

11:30–12:00 h — Pausa para o café

12:00–12:45 h — Sexualidade e grandes apoios: dereito a sentir, dereito a vivir

Poñente: Sofía Torres Fernández

Análise das necesidades e dos dereitos das persoas que precisan grandes apoios, abordando como acompañar desde a empatía, a protección dos dereitos e a promoción da autonomía emocional e sexual.

12:45–13:30 h — Educación sexual nas entidades. Programa FADAS, un exemplo de boas prácticas

Poñente: Verónica Ramilo Graña

Presentación do Programa FADAS e das súas liñas de traballo como referente para a implementación de programas de educación sexual en entidades sociais.

13:30–13:50 h — Debate aberto (quenda de preguntas e intervencións)

13:50–14:00 h — Acto de clausura

Debido ao aforo limitado do auditorio, é recomendable inscribirse previamente cubrindo o seguinte formulario: https://forms.gle/vXuurC8YaeGV6YaS7. O prazo rematará o 24 de novembro ou ao completar as prazas dispoñibles. O prezo da entrada (5€ público xeral e 2€ socios/as), deberá ser aboado mediante tranferencia bancaria ou Bizum no momento da inscrición. Ao remate da xornada entregarase un certificado de asistencia ás persoas participantes.

Máis información na web e nas redes sociais de Íntegro e Máis Porvir.

Related posts

Rescatados os tres tripulantes dunha embarcación que afundiu na ría de Corcubión

O BNG de Vimianzo pide a creación dun centro de día no municipio

Nova edición dos Venres Teatrais na Laracha