Íntegro impulsa o programa xuvenil Reacciona para fomentar a reciclaxe e a inclusión social a través de actividades sostibles

2 minutes read

Este xoves, a sede da asociación Íntegro (Nantón-Cabana de Bergantiños) acolleu  a presentación do proxecto BOOR, unha iniciativa artística que busca combinar arte e sostibilidade. Durante o obradoiro, impartido pola responsable da empresa, as persoas participantes tiveron a oportunidade de coñecer de preto esta innovadora proposta encamiñada á creación de pezas únicas a partir de materiais recollidos nas praias, como boias e flotadores abandonados, fomentando así a reciclaxe e a conciencia ambiental. Así mesmo, os integrantes do noso grupo xuvenil realizaron un pequeno taller empregando a técnica de debuxo que emprega para as súas creacións artísticas.

Esta acción forma parte do programa de actividades xuvenís Reacciona, posto en marcha o pasado mes de maio. Trátase dunha iniciativa promovida coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, dirixida a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos, que ten como obxectivo principal concienciar sobre a importancia da reciclaxe dos materiais plásticos para o coidado do medio ambiente, promovendo ao mesmo tempo a inclusión social e laboral das persoas con discapacidade.

Reacciona nace como resposta á necesidade de integrar á mocidade nun modelo de desenvolvemento sostible, apostando pola educación ambiental e a colaboración entre entidades sociais e ambientais. As actividades, que se desenvolverán entre xullo e setembro, inclúen visitas didácticas, obradoiros formativos e encontros con proxectos e profesionais do sector da reciclaxe e da economía circular.

Aprendizaxe, visitas e acción social

Entre os obxectivos específicos do programa destacan:

  • Identificar e clasificar os distintos tipos de plásticos e as súas aplicacións.
  • Coñecer os procesos de fabricación e o impacto ambiental dos produtos plásticos.
  • Fomentar a reflexión crítica e a responsabilidade individual no uso, redución e reutilización destes materiais.
  • Promover o traballo colaborativo entre organizacións sociais e ambientais.

O calendario inclúe ademais estes outros espazos e proxectos de referencia:

  • SOGAMA (11/07): coñecemento de primeira man da xestión integral de residuos en Galicia.
  • Aula do Freixo (24/07): Centro de transformación de residuos mariños
  • Exposición no Aquarium da Coruña (07/07): aproximación á contaminación mariña por plásticos.
  • Aspaneps- Proxecto Ártabro Inclusivo (setembro): sensibilización ambiental e dinamización da rede de colaboradores con limpezas costeiras e actividades divulgativas.
  • Netcycle (09/09): proxecto de Ecoplas baseado na reutilización do desperdicio plástico para darlle unha segunda vida útil.
  • Antonia Studio (pendente confirmar cita): deseño sostible e economía circular.

Tamén se impartirá a charla divulgativa «SOS Planeta Terra» o 28 de xullo e un obradoiro formativo Diversiplás, centrado na transformación de plásticos reciclados en novos obxectos.

Con este programa, Íntegro reafirma o seu compromiso coa xuventude, o medio ambiente e a igualdade de oportunidades, favorecendo a participación activa de persoas con discapacidade en accións de alto valor social e educativo.

As prazas son limitadas e xa está aberto o prazo de inscrición a través do teléfono 981 734 985
ou do mail: info@integro.es.