Íntegro instala 18 puntos de recollida de residuos plásticos na Costa da Morte

Vimianzo_Cedida.

O programa medioambiental da asociación Íntegro Diversiplás, + diverso -plástico segue avanzando cara una Costa da Morte máis sostible e respectuosa coa contorna. E, desta volta, faino centrándose na xestión dos puntos de recollida de plásticos, a través da colaboración cidadá e o compromiso dos numerosos axentes sociais implicados neste proxecto, xurdido ao abeiro da iniciativa Tanza, que está coordinado pola entidade de Nantón (Cabana) e conta co apoio do Galp Costa da Morte e o financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), a través da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

Nas últimas semanas, moitos municipios, confrarías e asociacións da Costa da Morte, integradas na Rede de Entidades Colaboradoras Diversiplás, recibiron xa os novos colectores de plástico da man do presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, e a directora do centro Noelia Barreira. Concellos como o de A Laracha, Cabana, Malpica, Vimianzo e Muxía contan xa con dous destes contedores brancos, destinados exclusivamente á recollida selectiva de plásticos e situados en zonas accesibles e de maior tránsito peonil. Así mesmo, tamén dispoñen deles algunhas entidades do sector pesqueiro como a Confraría de Pescadores de Caión (Laracha), a Agrupación de Mariscadoras do Anllóns (Cabana) e a Confraría Virxe da Barca de Muxía, coa finalidade de mellorar as boas prácticas na súa actividade e reducir a presenza de plásticos no mar.

Aos 13 colectores xa distribuídos, sumaranse esta mesma semana outros 5. Este martes 4, farase entrega dun aos responsables da Confraría de Malpica e outro ás redeiras O Fieital, mentres que o xoves 6 será a quenda do Concello de Camariñas (1), a confraría da mesma localidade (1) e a de Camelle (1). Ao longo deste mes, está previsto completar o subministro a toda a Rede de entidades colaboradoras, que agardamos siga medrando e estendéndose por toda a Costa da Morte coa incorporación de novos colectivos. 

Colector branco

A partir desta semana, a Costa da Morte conta con 18 novos puntos de recollida selectiva de plásticos, aos que nas vindeiras semanas se irán sumando algúns máis. Para diferencialos do resto, este colectores son de cor branca e contan cunha lenda explicativa sobre o tipo de residuos que se poden depositar (HOPE 2, PP5, PS 6), e en que estado deben estar (sen etiquetas nin adhesivos de ningún tipo, e lavados con auga e xabón) para facilitar así os labores de reciclaxe e posibilitar o proceso de tratamento, recuperación e valorización dos mesmos no taller que a asociación Íntegro ten en Nantón (Cabana).

Desde Íntegro queren apelar á responsabilidade e ao compromiso da cidadanía para un uso correcto e axeitado dos novos colectores. Do contrario, o proceso de reconversión de residuos non será viable e, polo tanto, non poderemos obter produtos con novas utilidades como testos, chaveiros, mosquetóns, pulseiras, froiteiros, etc.