Íntegro lanza unha campaña para conmemorar o 8M e promover a igualdade

Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, que se celebrará o vindeiro 8 de marzo, a Asociación Íntegro pon en marcha a campaña #MulleresQueInspiran, unha iniciativa que busca dar visibilidade á diversidade de mulleres que forman parte das nosas vidas, recoñecer o seu papel fundamental na sociedade e promover valores como a igualdade de oportunidades, a diversidade e o respecto.
A través desta acción, Íntegro pretende implicar tanto ao tecido asociativo como á cidadanía nunha mensaxe positiva e transformadora, dando protagonismo ás mulleres que inspiran, acompañan, lideran e constrúen comunidade día a día. A campaña está aberta á participación de toda a cidadanía e tamén ás entidades sociais que desexen sumarse á iniciativa.
Como parte da acción, desde o domingo 1 de marzo e ata o sábado 7, a entidade dará a coñecer diariamente nas súas redes sociais a historia dunha muller anónima inspiradora, valente e cunha traxectoria que merece ser contada, contribuíndo así a encher o espazo dixital de referentes femininos reais e próximos.

Como participar

Para formar parte da campaña #MulleresQueInspiran, as persoas e entidades interesadas deberán:

  • Publicar no seu perfil ou nas stories unha imaxe dunha muller —ou mulleres— significativas.
  • Seguir a conta de @asociacionintegro.
  • Mencionar ou etiquetar á asociación Íntegro na publicación.

Entre todas as persoas e entidades participantes sortearase unha cesta de produtos artesanais elaborados polas persoas usuarias da entidade, que incluirá artigos de Bicos de Amora e Diversiplas.
O prazo para participar permanecerá aberto ata as 23:59 horas do domingo 8 de marzo, e o luns día 9 anunciarase publicamente nas redes sociais de Íntegro a persoa ou entidade gañadora.
Desde Íntegro animan á cidadanía e ás organizacións sociais a implicarse nesta campaña e contribuír a espallar unha mensaxe colectiva de recoñecemento e igualdade, enchendo as redes de historias que inspiran e constrúen unha sociedade máis xusta e inclusiva.

Related posts

A delegada da Xunta na Coruña visitou as obras de mellora da Casa de Cultura da Laracha

A parroquia larachesa de Soandres acolleu unha xuntanza veciñal contra a implantación dunha planta de biogás

Zas acollerá este sábado a presentación do libro ‘Que quede entre nós’ no marco do ciclo ‘Mulleres e territorio’