Promover novos espazos de encontro coa comunidade para celebrar a diversidade como valor irrenunciable dunha sociedade que camiña cara a plena inclusión e a igualdade de oportunidades para todos e todas é o principal obxectivo de FestIgual, diversamente iguais, unha xornada de convivencia lúdico-festiva, organizada pola asociación Íntegro e Máis Porvir Xestión Social en colaboración co Concello de Cabana de Bergantiños, aberta á participación de toda a cidadanía.
Artesanía, música, obradoiros, gastronomía, xogos infantís e altas doses de diversión serán os principais ingredientes da primeira edición desta gran “festa interxeracional”, que terá lugar o 27 de maio, a partir das 12.00 horas, no campo da festa de Nantón, en Cabana de Bergantiños.
Dita iniciativa, que conta xa coa participación de artesáns, produtos locais e diversas entidades da contorna, pretende ser unha celebración da diversidade como elemento enriquecedor da sociedade, na que as únicas protagonistas sexan as persoas, sen etiquetas nin apelidos. Por iso, desde a organización convídase a todos os veciños e veciñas a asistir a esta “gran festa”, de acceso libre e totalmente de balde, na que os únicos requisitos sons as ganas de compartir, desfrutar, conversar e troulear para poñer en valor a riqueza dunha comunidade máis participativa, plural, diversa e inclusiva na que todos e todas somos diferentes e iguais ao mesmo tempo.
Durante a presentación, que tivo lugar no salón de plenos cabanés, o presidente da entidade, Adolfo López Baña, subliñou o carácter “aberto e participativo desta convocatoria como fiel reflexo da sociedade diversa e plural na que vivimos e na que todos/as somos diversamente iguais”. Pola súa banda, o alcalde de Cabana, José Muíño, tamén presente no acto, amosouse moi orgulloso de contar cunha entidade como Íntegro no municipio e manifestou a súa intención de traballar unidos nesta iniciativa así como en calquera outra en favor da diversidade e a inclusión das persoas con diversidade funcional, “un colectivo ao que lle debemos moito e co que estamos especialmente sensibilizados/as”, asegurou.
Programa
- Música
12.00h. Pasarrúas a cargo do grupo de música tradicional Inllar
13.30h. Sesión vermú co Dúo Estrelas
16.30h. Foliada protagonizada por Os Farrapos de Cesullas
- Gastronomía
Xantar popular a base de tortilla, empanada, bocadillos, larpeira… Venda anticipada de tickets no 981 734 985 e nas propias instalacións. Pre-venda promocional (auga/refresco + tortilla + larpeira= 5,50€) do 19 de abril ao 10 de maio.
- Animación infantil
15.00h-18.00h. Inchables, xogos e pintacaras para os peques da casa
- Artesanía
12.00h-20.00h. Postos de artesanía e produtos ecolóxicos. Participarán produtores locais e entidades sociais da Costa da Morte.
- Medio ambiente
Instalación dun punto de #PlásticoCero para informar e sensibilizar á veciñanza sobre a importancia de reducir o consumo de plástico na nosa vida diaria e contribuír á súa reutilización e reciclaxe. Ademais, polo simbólico prezo de 1€ todos os/as asistentes poderán mercar os seus propios envases reutilizables, de uso obrigatorio durante a festa como mostra de compromiso social para o coidado do medio ambiente e a sostibilidade do planeta.