Íntegro promove accións formativas para mulleres en situación de especial vulnerabilidade

2 minutes read

O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural (PIMDRural), promovido por Íntegro e co-financiado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE) ao abeiro do programa operativo FSE + Galicia 2021-2027, vén de superar o ecuador da edición correspondente ao período 2022-2023 cun balance moi esperanzador e positivo, contando xa coa participación activa de máis de 45 mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

A principal finalidade deste servizo de apoio á muller, que está operativo desde 2016, é a de promover a igualdade de oportunidades para contribuír á redución da tripla discriminación que sofren diariamente as usuarias, dotándoas así dunha maior autonomía e independencia para mellorar a súa situación persoal e lograr a plena inclusión social e laboral. Neste senso, o equipo de profesionais do PIMD Rural, formado por unha psicóloga, unha traballadora social e unha educadora social, desenvolven de xeito continuado unha atención personalizada e especializada en varias áreas e programas.

A posta en marcha de accións formativas tamén contribúe notablemente a unha maior capacitación das participantes e, polo tanto, mellora a súa autoestima e diminúe a discriminación social e laboral á que habitualmente están sometidas as mulleres con disCapacidade e/ou en situación de especial vulnerabilidade. Neste sentido, ata o de agora levamos a cabo con gran éxito de participación varios talleres sobre afectividade e sexualidade, habilidades sociais, uso correcto de internet e busca activa de emprego.

Se es muller con ou sen discapacidade, resides no rural e queres recibir formación ou precisas apoio e/ou asesoramento, non dubides en poñerte en contacto coa asociación Íntegro chamando ao 981 734 985 ou enviando un mail a info@integro.es.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?