A asociación Íntegro vén de poñer en marcha un amplo programa de formación dirixido á mocidade, que se desenvolverá ao longo dos vindeiros meses co obxectivo de fomentar a participación social, o voluntariado inclusivo e a sensibilización ambiental. A iniciativa, impulsada ao abeiro do programa Iniciativa Xove da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, permitirá ás persoas participantes adquirir coñecementos e competencias relacionadas coa inclusión social, a igualdade de oportunidades e a protección do medio ambiente.
O programa arrincou este mes de xuño co Curso de voluntariado e diversidade funcional, unha acción destinada a ofrecer unha aproximación á realidade das persoas con discapacidade desde unha perspectiva baseada nos dereitos, a accesibilidade e a inclusión. As persoas participantes poderán coñecer os diferentes tipos de discapacidade, comprender a evolución dos modelos de atención e adquirir ferramentas para establecer relacións respectuosas, empáticas e inclusivas.
Tamén durante este mes celebrarase a Formación básica en Medio Ambiente, que abordará cuestións relacionadas coa contaminación, a correcta xestión dos residuos, a reciclaxe, o consumo responsable e a conservación dos recursos naturais. A finalidade é reforzar o compromiso ambiental da mocidade e promover hábitos sostibles que contribúan á protección da contorna.
Xa no mes de xullo desenvolverase a acción formativa Empoderamento e inclusión: a igualdade de oportunidades no voluntariado, centrada na análise das desigualdades de xénero e na realidade específica das mulleres con discapacidade. A formación permitirá reflexionar sobre os estereotipos e barreiras existentes, así como promover prácticas máis inclusivas e equitativas tanto no ámbito do voluntariado como na sociedade en xeral.
O calendario continuará en agosto con Voluntariado inclusivo: comunicación e trato adecuado, un curso orientado a mellorar as habilidades sociais e comunicativas das persoas voluntarias, favorecendo unha interacción baseada no respecto, a empatía e a eliminación de prexuízos asociados á discapacidade.

Economía circular e innovación social
Un dos aspectos máis innovadores do programa está relacionado coa sustentabilidade e a reutilización de materiais. A través da formación Plásticos que cobran vida: do residuo á reutilización, as persoas participantes aprenderán a identificar, clasificar e transformar distintos tipos de plástico mediante o uso de maquinaria específica como trituradoras, inxectoras e extrusoras.
Esta actividade enmárcase dentro de Diversiplás, un proxecto impulsado por Íntegro que combina inclusión social, innovación e economía circular mediante a transformación de residuos plásticos en novos produtos de utilidade.
Complementando esta iniciativa, durante o mes de setembro impartirase a formación Introdución ao eco-deseño con plástico reciclado, na que as persoas participantes se achegarán aos principios do eco-deseño e desenvolverán propostas creativas para a elaboración de produtos sostibles a partir de materiais reciclados.
Un voluntariado comprometido coa inclusión e o medio ambiente
Con este programa, Íntegro pretende fortalecer a participación da mocidade na vida comunitaria e crear unha rede de persoas voluntarias sensibilizadas coa diversidade, a igualdade de oportunidades e a protección ambiental. Neste senso, o presidente da entidade Adolfo López Baña asegurou que «debemos ofrecer á mocidade ferramentas para implicarse activamente na transformación social e ambiental da súa contorna, promovendo valores como a inclusión, a igualdade e a sustentabilidade».
As persoas interesadas en participar poden inscribirse e/ou solicitar máis información a través dos teléfonos 981 734 985-650 961 649 ou no mail formacion@integro.es.