Íntegro recupera a ‘Diverescola’ para achegar a diversidade aos colexios

Imaxe de arquivo da Diverescola de Íntegro_Cedida

  • Na próxima semana alumnado do CEIP San Vicenzo de Vimianzo participará en varias actividades sobre a inclusión

A chegada da pandemia da Covid-19 a principios do 2020 causou que, dous anos máis tarde, diversas empresas ou entidades aínda retomen agora as súas actividades. Este é o caso dunha iniciativa en particular, a ‘Diverescola‘, promovida pola asociación Íntegro, con sede en Nantón (Cabana de Bergantiños). Trátase dunha actividade enmarcada dentro do programa Capacíta-T para «achegar aos máis cativos e cativas da Costa da Morte a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento», destacan desde a Íntegro.

A primeira saída da nova campaña terá como destino o CEIP Plurilingüe San Vicenzo, de Vimianzo. Este martes 25 desenvolverase unha xornada de sensibilización na que participarán un total de 69 nenos e nenas de 4 a 6 anos. Realizaranse diferentes actividades lúdicas arredor dun contacontos guiado. Ademais da lectura e e posterior interacción sobre o conto, abordarase a temática a través da técnica do muralismo para intercambiar ideas e afianzar conceptos relacionados coa inclusión e a diversidade.

O mércores 26 será a quenda do alumnado de 1º e 2º de educación primaria. Neste caso, os pupitres darán paso aos circuítos de obstáculos para acoller unha actividade denominada ‘Xogamos coas barreiras’, composta por un circuíto de mobilidade en cadeira de rodas por determinados espazos do colexio e un percorrido estacional sensorial. A través deste xogo «poderemos reflexionar sobre as barreiras físicas, sociais e mentais que existen na sociedade e como podemos superalas», afirman desde Íntegro.