Intentan queimar vivo un home no seu coche, en Pontevedra


Un mozo de 29 anos denunciou este xoves que tentaron queimalo vivo tras pechalo no maleteiro dun coche e prenderlle lume. A vítima logrou saír do vehículo polos asentos traseiros, pero sufriu queimaduras nun brazo e as pernas.

Os feitos sucederon no barrio de Estribela, en Pontevedra, sobre as 7:15 horas deste xoves. Veciños da zona advertiron de que se rexistraron explosións e viron as chamas que saían do vehículo e á vítima, que estaba espida e ferida á beira o vehículo.

A Policía Nacional abriu unha investigación para aclarar as causas do suceso, baixo a hipótese de que o incendio sería intencionado.

Ao lugar do suceso tamén acudiron, nun primeiro momento, os bombeiros de Pontevedra para sufocar o incendio do coche e axentes da Policía Local de Pontevedra. Persoal sanitario do 061 trasladou o ferido á unidade de queimados do Hospital Clínico Universitario da Coruña.