A Garda Civil interceptou nun colexio de Ordes a condutora dun autobús escolar que carecía de permiso de conducir por ter perdido todos os puntos. Foi localizada dentro dunha campaña específica de control que se desenvolve esta semana, os axentes viron como o vehículo non se achegou ata o colexio senón que deixou aos doce nenos e nenas que levaba nunha esquina antes da parada estipulada. Probablemente, a intención da condutora, ao percatarse da presenza da Garda Civil, era marchar do lugar para evitar a inspección. Por iso, os gardas acudiron para someter o vehículo e a ela mesma á inspección completa. Foi aí cando viron que carecía do permiso en vigor por unha resolución firme da xefatura provincial de Tráfico. Será investigada por un delito contra a seguridade vial. Tamén foi denunciada por outras infraccións administrativas á xefatura de Tráfico e ao servizo de Transportes da Xunta. O vehículo foi inmobilizado no lugar dos feitos á espera de que a empresa designase unha persoa habilitada para retiralo.
35