Axentes medioambientais dependentes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sorprenderon no concello de Forcarei a un pescador que levaba na cesta un total de 38 troitas, das cales 33 non cumprían coa talla legalmente establecida.
Os feitos producíronse cando axentes do distrito XVI Deza-Tabeirós interceptaron ao furtivo no río Freixeira, un afluente da parte alta do río Lérez. Tras revisar as súas capturas, comprobaron que só cinco das troitas daban a talla legal que nesta zona é de 19 cm e algúns dos exemplares medían menos de 10 cm.
Por este motivo, o pescador interceptado, con residencia no municipio de Forcarei, será denunciado pola comisión de dúas infraccións: exceder o cupo máximo de seis troitas por día e persoa, e pescar 33 exemplares de tamaño ilegal xa que incumprían a medida regulamentaria.
Cómpre subliñar que se está a detectar en Galicia un incremento das denuncias a pescadores sorprendidos cun gran número de troitas no cesto, o que fai sospeitar que existe un mercado que as demanda.
Aínda que non é a primeira vez que se detectan prácticas deste tipo en augas da Comunidade, operativos contra o furtivismo como o da semana pasada resultan moi complexos e pouco habituais xa que é difícil sorprender in situ aos infractores.
Todas as troitas interceptadas polos axentes medioambientais neste operativo foron entregadas na Residencia de Maiores da Estrada.