Pasadas as sete da tarde deste sábado veciños da Avenida de Bergantiños de Carballo, próximos ao colexio CEIP Fogar alertaban ás forzas de seguridade de que podería haber intrusos no centro educativo, que actualmente se atopa nunha avanzada fase de obras. Ao lugar desprazouse unha patrulla da Policía Local e outra da Garda Civil, que tras unha inspección ocular, localizaron a dous mozos merodeando polas proximidades do colexio. Tras a súa identificación, os corpos de seguridade tratan de determinar o seu grao de participación nun posible furto de material educativo nas instalacións, á espera de confirmar con persoal docente se se detecta algunha outra falta no centro.