Interrompida a circulación na A-52 en Verín por mor dun camión que ardeu por completo

1 minutes read

O tráfico na A-52 viuse interrompido na madrugada deste xoves á altura de Verín a causa dun incendio declarado nun camión que deixou ao vehículo calcinado por completo despois de que batese contra unha ponte. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, quedou cortada a circulación na autovía entre os puntos quilométricos 155 e 160 en ambos carrís cara a Vigo e o tráfico foi desviado pola OU-310 e a N-525. O condutor do camión resultou ferido leve.

Os feitos sucederon ao fío das 3:30 horas. Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para alertar do sucedido. Indicaba no seu relato que xa sacaran ao condutor do interior do camión.

Nada máis recibir o aviso, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia requiriuse a intervención dos Bombeiros de Verín, da Policía Local e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade. Ademais, solicitouse a intervención do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Xinzo de Limia, do GES da Gudiña e da Garda Civil de Tráfico.

Xa no punto, os servizos de emerxencia traballaron arreo para sufocar o incendio, que quedou extinguido uns minutos despois das 5:30 horas.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, un dos dous carrís quedou aberto á circulación ás 6:30 horas. Arestora, o outro permanece pechado ao tráfico.