Intervidas máis de 176 toneladas de alimentos para persoas desfavorecidas na Coruña


  • Unha organización sen ánimo de lucro modificara a etiquetaxe dos alimentos, cun valor superior aos 285.000 euros, e o 70% dos mesmos estaban en mal estado

A Garda Civil, no marco da operación PHYLLOS, interveu a unha organización sen ánimo de lucro da Coruña máis de 176 toneladas de alimentos que incumprían as normativas de calidade e de sanidade alimentaria. Os axentes investigan a dúas persoas como presuntas autoras dun delito contra a saúde pública.

A operación iniciouse en decembro do 2019 por mor das inspeccións que a área Funcional de Agricultura e Pesca da Delegación do Goberno en Galicia realiza periodicamente ás Organizacións Asociadas a Repartición (OAR), que son as entidades encargadas de entregar os alimentos dos programas de axudas alimentarias do Fondo de Axuda Europeo para as persoas máis desfavorecidas (FEAD). Nestas inspeccións tívose coñecemento que unha desas OAR estaba repartindo alimentos coa etiquetaxe modificada e manipulada. Esta organización xa fora expulsada temporalmente do programa con anterioridade tras supostas alteracións das cifras de persoas desfavorecidas ás que declaraba atender.

O SEPRONA da Coruña iniciou unha investigación por se tales feitos puidesen constituír un ilícito penal e, tras realizar as pertinentes inspeccións, inmobilizaron máis de 176 toneladas de alimentos do programa que a entidade debería de distribuír en anos anteriores a persoas desfavorecidas e que, ademais, ocultaran durante inspeccións previas do programa por presentar diferentes tipos de irregularidades ás normativas de calidade e de sanidade alimentaria e de xestión dos programas de axudas.

Alimentos valorados en máis de 285.000 euros
O valor dos alimentos intervidos superaría os 285.000 euros, calculado en base aos valores unitarios resultantes da contratación realizada polo FEGA.

Tras analizar e revisar toda a mercadoría intervida, púidose determinar que un 70% da mesma atopábase deteriorada, o que supón a perda de 122 toneladas de alimentos cun valor no programa de máis de 132.000 euros; sendo soamente posible recuperar o 30% apto para consumo. Esta última fracción, que supoñen unhas 54 toneladas de alimentos valoradas no marco do programa en 153.000 euros, puido ser recuperada e distribuída a través de organizacións asociadas ao programa.

A operación foi desenvolta por axentes pertencentes ao Seprona da Garda Civil da Comandancia da Coruña.

Garda Civil