A peor parte levouna a zona de Verín. Na parroquia de Albarellos en Monterrei a Garda Civil, os bombeiros, Protección Civil e todos os veciños que se prestaron como voluntarios tiveron que multiplicar esforzos para mesmo evacuar xente de vivendas cando viron que a auga comezaba a subir e corría como un río polo medio das rúas da aldea. Eses mesmos problemas repetíanse en Infesta ou Vilaza. Na zona das Estivadas e de Guimarei, na A-52, o pedrazo complicou moito a circulación. No Barco houbo asolagamentos de adegas e vivendas, e mesmo houbo que cortar o tráfico temporalmente na zona centro. Un desprendemento por mor da chuvia obrigou a cortar un carril na nacional 536 á altura de Coedo. En Laza ou na Gudiña as treboadas trouxeron chuvia e pedrazo.