A Fiscalía da Coruña abriu dilixencias de investigación sobre a viaxe do CF Fuenlabrada á cidade, por se cometese un delito ao non comunicar o brote de coronavirus que puido detectar a pasada fin de semana en Madrid e despois emprender o traxecto co resto do persoal cara á Coruña. O Concello da Coruña presentou este xoves ante o Fiscal Xefe da Audiencia Provincial da Coruña un «extenso» escrito para que «se depuren responsabilidades», no caso de que as houbera, ben «penais» ou ben «por vía administrativa», polo que considera unha «neglixencia» neste caso. «A partir do momento en que se toman dilixencias, o asunto deixa de estar nas nosas mans e eu vou ser extremadamente prudente e non haberá máis comentarios», dixo en declaracións aos xornalistas a alcaldesa da Coruña, Inés Rei.
50