Investigada unha parella que utilizaba ás súas fillas para roubar en varias xoierías

Imaxe dun roubo cometido pola parella e as súas fillas_Cedida Garda Civil

  • As menores, de 9 e 14 anos, subtraían os obxectos de valor e gardábanos baixo o abrigo ou chaqueta

O Equipo Roca da Garda Civil de Ferrol, procedeu á investigación dun home e unha muller, de 39 e 37 anos de idade respectivamente e residentes na localidade de Puertollano, Ciudad Real, como presuntos autores dun delito contra o patrimonio.

As investigacións iniciáronse en novembro de 2018, cando o propietario dunha xoiería situada na Comarca de Ortegal denunciara a subtracción de dúas mantas con 200 cadeas de prata.

O modus operandi dos autores consistía na distracción da dependenta solicitándolle que lles mostrase xoias que se atopaban na caixa forte, para posteriormente dicirlle que preferían outros artigos do mostrador, momento no que a filla mais pequena da parella accedía á caixa forte para roubar os obxectos de valor e escondelos baixo o abrigo.

Despois dunha difícil investigación, un ano máis tarde as mesmas persoas volveron cometer un delito similar nunha xoiería de Pontevedra, polo que finalmente púidose saber que era unha familia de Puertollano con dúas fillas de 9 e 14 anos.

Os presuntos autores tiñan numerosos antecedentes por feitos similares en distintos puntos da xeografía española e no momento en que foi investigada a muller, esta atopábase cumprindo condena no Centro Penal da Lama polo furto de xoias en Pontevedra.