Investigadas dúas persoas por un delito contra o medioambiente en Vimianzo

  • A trazabilidade dos produtos tóxicos levou á Garda Civil ata unha empresa de construción afincada en Santiago de Compostela.


A Patrulla de Protección da Natureza (PAPRONA) da Garda Civil de Corcubión investigou a dous individuos como presuntos autores dun delito contra o medioambiente.

Os feitos investigados ocorreron o 4 de outubro cando se atoparon 100 envases con restos de produto no seu interior, etiquetaxes coa nomenclatura OTR411 e coa simboloxía correspondente a produto tóxico e perigoso para o medio acuático, nunha parcela inundable do encoro da Fervenza, no termo municipal de Vimianzo.

Para pescudar a identidade do autor ou autores deste delito, a Garda Civil efectuou a retirada destes produtos para poder investigar a trazabilidade do mesmo, e tamén por atoparse estes envases nunha zona especialmente sensible, xa que este encoro fornece auga a varias poboacións da Costa da Morte.

Os axentes constataron que os produtos eran comercializados en exclusividade nunha empresa afincada en Arganda del Rey, en Madrid. Despois das xestións pertinentes e a través da trazabilidade dos envases, a Garda Civil pescudou que o propietario dos produtos era unha empresa de construción domiciliada na localidade de Santiago de Compostela. Esta carecía da documentación acreditativa de realizar a entrega destes residuos a un xestor autorizado.

A Garda Civil investigou aos dous propietarios da empresa como presuntos autores dun delito de depósito ou vertedura de residuos tóxicos ou perigosos.

Ambos investigados foron postos ao dispor do Xulgado de Instrución Número 1 de Corcubión.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha