Investigado por circular a 240 Km/h na A-6, gravalo e difundilo nas redes

O Grupo de Investigación e Análise do Tráfico do Sector de Tráfico da Garda Civil en Galicia, investigou a un condutor veciño da Coruña de 45 anos de idade por circular a 240 km/h co seu vehículo por un tramo da autovía A-6 ao seu paso por Begonte (Lugo). No vídeo difundido en redes sociais polo propio condutor, pode verse como chega a superar os 230 e chega a alcanzar os 240 km/h nun tramo da autovía limitado a 120 km/h.

A zona está considerada de risco polos numerosos sinistros producidos cuxo factor concorrente é precisamente o exceso de velocidade, onde mesmo hai un radar fixo da DXT para acougar a velocidade nesa zona. Tras detectar o vídeo, o GIAT puido identificar o lugar e a data de gravación, o vehículo utilizado, un vehículo de alta gama, e ademais logrou a identidade do condutor, ao cal se lle investigou por un delito contra a seguridade viaria ao superar en máis de 80 km/h a permitida regulamentariamente nesa vía interurbana e terá que comparecer nun Xuízo Rápido que se celebrará nos próximos días no Xulgado de Vilalba (Lugo).

O condutor enfróntase á pena de prisión de tres a seis meses ou multa de seis a doce meses ou coa de traballos en beneficio da comunidade de trinta e un a noventa días, e, en calquera caso, coa de privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata catro anos.

Desde a Garda Civil queren lembrar aos condutores a necesidade de respectar os límites de velocidade establecidos, xa que a velocidade é un dos principais factores de risco tanto na ocorrencia de accidentes como nas consecuencias do mesmo e por iso é imprescindible que os condutores respecten os límites establecidos. Unha velocidade segura protexe non só ao condutor e aos pasaxeiros que lle acompañan, senón tamén ao resto de persoas coas que se comparte a vía.

Vídeos_Garda Civil.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha