O Grupo de investigación e análise de tráfico (GIAT) do Sector de Tráfico da Garda Civil de Galicia, procedeu á imputación en calidade de “investigado non detido” dun cidadán residente na Coruña, por circular conducindo un vehículo a unha velocidade de 181 km/h pola estrada VG-15 (Baio – Santa Irene), existindo unha limitación de velocidade de 90 km/h.
Os feitos remóntanse ao mediodía do pasado 19 de novembro de 2025, cando compoñentes do Sector de Tráfico de Galicia, pertencentes á área de vixilancia de estradas se atopaban efectuando un dispositivo de verificación de velocidade mediante un radar láser, cando detectaron un turismo circulando a 181 km/h. nun tramo de vía limitado a unha velocidade xenérica de 90 km/h.
Nun primeiro momento, para os axentes resultou imposible dar alcance ao vehículo e identificar o seu condutor debido ás adversas condicións meteorolóxicas que había, polo que se fixo cargo da investigación o citado grupo de investigación, os cales, tras as pertinentes indagacións, lograron identificar e investigar ao seu condutor como suposto autor dun delito contra a seguridade viaria.
O vixente Código penal establece no seu artigo 379 “o que conducir un vehículo de motor ou un ciclomotor a velocidade superior en sesenta quilómetros por hora en vía urbana ou en oitenta quilómetros por hora en vía interurbana á permitida regulamentariamente, será castigado coa pena de prisión de tres a seis meses ou coa de multa de seis a doce meses ou coa de traballos en beneficio da comunidade de trinta e un a noventa días, e en calquera caso, coa de privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata catro anos”.
5