A terapia CAR-T, que está a revolucionar o tratamento do cancro e demostra resultados esperanzadores nos hematolóxicos, conta con máis dificultades para chegar aos tumores sólidos. E precisamente un equipo multidisciplinar da USC con físicos, bioquímicos, biólogos, farmacéuticos ou médicos trata de que se poida aplicar este tratamento a estes tumores con éxito. O coordinador da investigación, o profesor José Rivas, explicaba no espazo Bos Días da TVG en que consiste o proxecto.
O traballo do proxecto CARTsol de tres anos consiste en estender a inmunoterapia a máis cancros con garantías de seguridade e de éxito. O físico galego utiliza a metáfora do cabalo de Troia, que logrou rematar co asedio de Troia grazas a que os gregos construíron un cabalo que levaba no ventre os soldados.
A inmunoterapia é a chave con outros elementos combinados. Por medio da nanotecnoloxía introdúcese nas cápsulas partículas de magnetita, que se usa na clínica para facer resonancias de imaxe. Permite «ver a traxectoria que seguen as células e o que pasa aí dentro e como evoluciona o combate contra o tumor. Tamén, como é sensible á calor, se quedan residuos que non foron combatidos e se precisa unha pequena radiación para limpar por completo», asegura José Rivas.
Nas investigacións coordinadas desde Galicia participan equipos de Salamanca e de Navarra. Para comprobar a eficacia dun tratamento que «trata de bombardear unha zona de guerra tras desactivar as defensas antiáreas», usando un símil bélico.
Nun futuro, se prospera a vía de investigación poderían comezar as fases clínicas, ou sexa, probas con humanos.