Investigados dous veciños de Cee por un suposto delito de abandono de animais domésticos

Foto.- G.C.

A Patrulla do Seprona da Garda Civil de Corcubión procedeu á imputación en calidade de investigados de dous veciños de Cee por un delito de abandono de animais domésticos. A investigación realízaa conxuntamente dita unidade da Garda Civil e a Policía Local de Cee, cando estes últimos reciben unha chamada comunicando a existencia dun can deambulando pola vía publica o cal non se sostiña sobre as patas, motivo polo cal foi trasladado a un centro veterinario, onde morreu ás dúas horas.

A necropsia realizada dá como resultado que o can morreu por envelenamento. Por este motivo os axentes da Policía Local póñense en contacto con axentes do Seprona da Garda Civil de Corcubión. Da investigación levada a cabo por estes dous corpos policiais procédese á retirada doutros dous cans os cales segundo establece o servizo veterinario, que lles realiza o pertinente recoñecemento, presentan desnutrición, e diversas feridas compatibles cun estado de abandono, podendo perigar a vida destes. Os animais son retirados polo Concello de Cee, segundo estipula a Lei 4/2017 do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, e entregados a unha protectora de animais.

Por parte do Seprona da Garda Civil instrúense dilixencias contra os propietarios destes animais como autores dun delito tipificado na Lei Orgánica10/1995, do Código Penal, no seu artigo 337 Bis, delito de abandono de animais domésticos, que son remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Corcubión. Por parte do Seprona continúanse as xestións tendentes a esclarecer o envelenamento do primeiro can.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha