Investigan a morte dun home atropelado por un tren en Valga


Un home de 48 anos perdeu a vida, na localidade pontevedresa de Valga, ao ser arrolado por un tren. O suceso tivo lugar na tarde deste martes á altura da igrexa de Campaña. O 112 Galicia recibiu a chamada dunha persoa particular que daba aviso do alcance dun convoi a unha persoa que, segundo afirmaba a testemuña, estaba xa falecida. A Garda Civil abriu unha investigación para tratar de esclarecer os feitos.

De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) notificáronselle os feitos aos servizos sanitarios, aos axentes da Garda Civil e ao persoal de Adif. Así mesmo, tamén foron informados os Bombeiros de Vilagarcía e os membros do GES de Padrón e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Valga.

Unha vez chegados ao punto, os equipos de intervención tan só puideron confirmar o falecemento da persoa. Pola súa banda, o persoal de Adif comunicoulle ao 112 que o tren implicado realizaba o traxecto de Vigo cara Coruña e que ningún dos pasaxeiros a bordo resultou ferido.