Sobre as 17:10 horas deste domingo o 112 Emerxencias de Galicia recibiu unha chamada avisando da morte dun home por disparo nunha vivenda da parroquia de Visantoña, no concello de Mesía. Ao lugar do suceso acudiu axiña un helicóptero medicalizado do 061, que xa non puido facer nada pola vida da vítima.
Segundo a versión que deu o home que compartía vivenda co falecido, el escoitou un ruído na casa e cando foi ver descubriu que estaba morto. A continuación, asegura que se agoniou, xa que el mesmo era posuidor dunha arma, que di que tiña no coche, e foise desfacer dela. Despois xa é cando avisa un veciño, que é quen alerta as forzas de seguridade.
A Garda Civil está a investigar o sucedido, un equipo de Criminalística realizou as primeiras pescudas na vivenda. Fontes da investigación relatan que o falecido, que estaba en busca e captura, tiña un disparo no abdome. Na vivenda atoparon outra arma, que polo momento non se sabe se é coa que se efectuou o disparo. Ao compañeiro de casa non lle atoparon restos de pólvora nas mans.