Investigan a presunta explotación de inmigrantes en Tordoia

1 minutes read

Os denunciantes din que o empresario os pechaba nunha nave no lugar de Anxeríz e que cando a Garda Civil facía unha inspección lles mandaba esconderse para que non os viran. Os inmigrantes afirman que lle pagaron a un intermediario coa promesa de ter un contrato e regularizar a súa situación. «Chéganlle a pagar 2.500 euros para regularizar a súa situación e ter un contrato de traballo, pero isto nunca pasa. El embolsa esa cantidade e pon a xente a traballar na recolleita nesa nave de Anxeriz, pero nunca paga un salario nin os dá de alta na Seguridade Social», afirma Brais González, avogado dos traballadores inmigrantes. O caso está en mans do xulgado de Ordes, onde declararon polo momento un suposto agredido, outro traballador que coñeceu os feitos e as tres persoas que acusan de retelo e mallar nel. O empresario e os outros dous acusados enfróntanse a un delito de estafa e tráfico de man de obra inmigrante con fins de explotación e outro de detención ilegal, lesións e ameazas. Nas próximas semanas declararán en Ordes os traballadores que aínda non o fixeron.