Investigan a procedencia dun coche calcinado en Bértoa


Os corpos e forzas de seguridade tratan de pescudar a procedencia dun vehículo que apareceu a última hora da tarde deste luns totalmente calcinado na parroquia carballesa de Bértoa.

O lume puxo en alerta aos veciños da zona que deron a voz de alarma, o turismo atopábase ardendo nunha pista paralela á AG-55 e ao polígono carballés de Bértoa, que comunica a rúa Ferro e o lugar de Río de Loenzo. Á chegada dos bombeiros e a Policía Local, xa nada se puido facer por controlar o lume, dado que calcinara o coche por completo.

Segundo testemuñas da zona, o turismo carecía de varios elementos como rodas, aleróns e placas de matrícula, polo que investigan se puido ser utilizado en cometer outros delitos, ademais da súa procedencia e propietario.