- Veciño da Coruña, foi interceptado en Arteixo cando volvía da Laracha e sen xustificación
Un home da Coruña está a ser investigado pola Garda Civil por saltarse o peche perimetral e por cuadriplicar a taxa de alcoholemia. Os feitos sucederon preto das sete da tarde deste domingo nun control de mobilidade e de verificación de drogas e alcol con motivo do Estado de Alarma.
Cando viron achegarse ao turismo da persoa investigada, os axentes xa se deron conta pola súa forma de conducir que había algo raro ao notar a súa «absoluta falta de reflexos». O condutor lanzou na proba de alcoholemia un resultado positivo de 1,12 MG/ L e de 1,00 MG/ L, na primeira e segunda proba, respectivamente, cuadriplicando amplamente a taxa legalmente permitida. Por este motivo está sendo investigado por un delito contra a seguridade viaria. O home terá que comparecer perante o xulgado de Garda da Coruña, polo procedemento de Xuízo rápido. O vehículo quedou inmobilizado no punto de control no km. 15 da Autoestrada AG-55, Peaxe de Bidueira (Arteixo).
Pero aínda hai máis. O home en cuestión foi interceptado en Arteixo cando regresaba á cidade da Coruña desde o municipio da Laracha, saltándose o peche perimetral sen xustificación.
Desde a Garda Civil lembran que seguen realizando, a calquera hora do día ou da noite, controis sobre límites territoriais e de observancia das Normas Sanitarias en relación co COVID-19.